Novos lobos é un espectáculo de narración oral no que se aborda a igualdade de xénero e a non violencia desde a perspectiva das novas masculinidades. Nel, deconstrúense algúns contos da literatura popular coa vontade de ofrecer ferramentas que fomenten a paz e axuden a prever a violencia de xénero.
Ao pé dun minúsculo refuxio contra a chuvia e o vento, un pastor, Xan de Outeiro, cóntalle a un grupo de xente que anda de ruta pola montaña historias de lobos. Lobos que xa non meten medo, como o de San Froilán, quen trocou a súa ansia devoradora de carne pola dos libros, ou o lobo que non comeu a avoíña do pastor porque lle contou historias de cando estivo na Habana. Contos todos cos que se amosa que a tradición oral serve tamén para fomentar a paz e a igualdade.